Casco histórico

No casco histórico de Cuntis temos diversos exemplos de arquitecturas singulares que conviven cunha sorte de construcións ligadas á auga

Casco histórico

Casco histórico

Un paseo pola vila
No casco histórico de Cuntis temos diversos exemplos de arquitecturas singulares que conviven cunha sorte de construcións ligadas á auga: o propio Balneario, os lavadoiros termais cubertos ou os lavadoiros do Gallo, as dúas fontes termais que afloran en espazos públicos... Así mesmo, este carácter lúdico e de coidado persoal que a auga quixo impor en Cuntis, xerou unha serie de xardíns, parques, paseos fluviais e zonas verdes de gran valor ambiental, como as marxes do Gallo ao seu paso pola vila, os xardíns da reitoral a Praza da Constitución ou o Parque do Castro.Todos estes elementos, tecidos entre si, dan sentido a un casco histórico rico, singular e de gran valor polo seu poder de referencia máis aló das fronteiras da propia vila.

Praza das Árbores
Á sombra duns antigos tileiros, enchese de luz a praza das árbores, recinto que antano formaba parte do patrimonio da Casa Grande dos Castro, hoxe Casa da Cultura Roberto Blanco Torres. De estrutura rectangular, dispón no seu centro xeométrico dunha antiga fonte, con catro canos de bronce con cabeza de serpe e que a comezos do século XX foi trasladada dende a contigua Praza do Ferrol. Nas súas inmediacións álzase a igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis e a Casa Reitoral, así como construcións de pedra que realzan un paisaxismo case que proustiano.

Plaza de Galicia
As casas de granito, con balcóns e galerías e fermosas bufardas nalgún caso, dos séculos XVIII e XIX, danlle a este espazo aires de antigo, de vetusto, que zumegan historias que aínda ninguén contou. Aquí atopamos os lavadoiros municipais, que se abastecen da auga quente procedente do manancial "Lume de Deus". Neste lugar ergueuse moi posibelmente a desaparecida casa e torre da Vila do Baño, existente no S. XV, e será aquí tamén onde se atoparon numerosos achados arqueolóxicos da época romana, o que nos leva a sinalar que estamos perante un dos recintos urbanos máis antigos de toda a vila.

Praza da Constitución
Ao antigo Campo das Codeseiras, hoxe Praza da Constitución ou popularmente Campo da feira, desprazáronse a comezos do S. XX as feiras municipais. Este espazo, de cerca de 9000 metros cadrados, emprégase igualmente para celebrar as festas desta parroquia. Conta cun palco da música, en pedra do país e ferro forxado, dous parques de xogos para os cativos, pombal e hórreo procedentes da horta da casa reitoral e un monumento aos canteiros realizado polo escultor cuntiense Marxín Pucallo.Esta praza está delimitada pola Casa Reitoral, a igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis, a praza de Abastos, o Fogar do Pensionista, a Casa do Concello e os xardíns da horta do cura.

Praza do Ferrol
Esta praza de planta case rectangular é unha das máis antigas do centro urbano e conta con varios edificios, algúns dos cales puideran ser datados nos séculos XVIII e XIX. No entanto tamén existen vivendas modernas, elaboradas en granito, que entran en harmonía coas outras creando un conxunto de gran fermosura.Unha destas viviendas destaca sobre as demais pola excelente perfección con que se traballaron os seus perpiaños, as lumeiras das portas, fiestras e cornixa: trátase da que hoxe funciona como café, un dos máis antigos da vila, e que noutros tempos serviu en parte como casino. A comezos do S. XX celébranse aquí os mercados municipais, nun escenario presidido por un cruceiro do S. XVII (que hoxe se atopa no cemiterio parroquial) e a fonte do XIX que na actualidade ocupa un lugar central na Praza das Árbores.

Rúa do Balneario
Pola antiga Rúa Real, hoxe rúa do Blaneario, discorría un camiño principal de conexión das zonas costeiras do Salnés e do Lérez coas terras de Compostela. Casas barrocas e neoclásicas conforman esta rúa, sendo o edificio de maior tamaño o Hotel La Virgen, que porta diversos estilos. Todos eles servíronse das estructuras decimonónicas que existiron alí para elevar un inmóbel ideado -ou bosquexado cando menos- polo arquitecto galego Antonio Palacios. Ao final da rúa consérvase unha fermosa casa, erxida tamén sobre antigas arquitecturas, que se remodelou para a hostalaría. Trátase do Hotel Castro do Balneario que xunto co Hotel "La Virgen" entran na categoría de catro estrelas.

Rúa Bernardo Sagasta
Co seu encanto decimonónico, son moitas aínda as vivendas antigas que se conservan -case todas construídas entre finais do XIX e comezos do XX-. A maior parte teñen baixo e sobrado e están elaboradas en granito do país. Aínda que hoxe remata no regueiro do "Porto das Eugas", antano facíao no Cruceiro, lugar onde podemos contemplar varias construcións datábeis nos séculos XVIII e XIX e unha antiga casa fidalga que forma parte da arquitectura señorial deste concello.

Esta web utiliza cookies para obter datos estatísticos da navegación dos seus usuarios. Preme o botón "Aceptar" para autorizar o seu uso.

Aceptar | Rexeitar | Mais información