Patrimonio relixioso e señorial

A maioría do patrimonio eclesiástico de Cuntis ten unha orixe medieval.

Patrimonio relixioso e señorial

Patrimonio relixioso e señorial

Igrexa de San Miguel de Couselo

Antigamente, cando formaba parte dos inmóbeis dun mosteiro fundado na Idade Media, estaba localizada na parte oriental do monte Xesteiras e tiña un estilo prerrománico.

Sufriu cambios arquitectónicos e foi pasando dende unha estética románica ata unha barroca, cando o mestre canteiro cuntiense Isidoro Gontad reconstruíu a súa portada no 1791.

Co tempo a igrexa foi trasladada ate o lugar en donde hoxe en día se encontra, ao pé de Mourigade, con un aspecto totalmente neoclásico pero deixando nos seus muros restos arquitectónicos do seu pasado.


Igrexa de San Fins de Estacas

E un templo de estilo neoclásico do S.XIX que conta con unha monumental torre de tres corpos. Ten un altar maior de comezos do S.XX de estilo neogótico.

Ten a curiosidade de que o sagrario mira ao poñente en vez de ao nacente(Xerusalén).


Igrexa de San Mamede de Piñeiro

De arquitectura de transición do barroco ao neoclasicismo, con planta de cruz latina e unha torre campanario de tres corpos. Ten restos escultóricos de finais do S. XV e da primeira metade do S. XVI.


Igrexa de Santa Baia de Portela

Templo barroco de transición ao neoclasicismo, pero non foi a súa fisionomía orixinal, dado que durante o medievo debeu seguir o estilo propio daquel entón. Ten unha única planta e fachada con espadana centrada.


Igrexa Parroquial de Santa María de Troáns

As primeiras testemuñas deste templo datan do S.XI. E fundamentalmente de estilo barroco, como se pode ver nos seus altares decorados cunha exuberante ornamentación, pero ten claras orixes prerrománicas, concretamente do S.X, debido a existencia de dúas sancristías e a súa planta basilical que forma dúas naves laterais e unha central.


Convento de San Bieito de Pereira

En 1868 Carme Baliñas de Castro, unha fidalga natural destas terras, logo de tomar os hábitos, decide fundar no lugar de Pereira (nun outeiro próximo ao casco histórico) un convento que seguise  a regra de San Bieito. Destaca unha fachada de estilo neoclásico, presidida pola imaxe do patrón. No recinto de entrada hai un amplo portón que da paso a unha praciña onde se pode ver a igrexa, a casa do capelán e un fermoso cruceiro cun peto de ánimas.

Como curiosidade, o altar maior de aires clasicistas ten semellanzas coa columnata de Bernini, da Basílica de San Pedro no Vaticano, e olla cara o solpor.


Capela de San Ramón da Anllada

E a ermida mais recente de Cuntis e parece ser que foi trasladada dende terras estradenses de Vea ate o lugar da Anllada. As súas características arquitectónicas son austeras, propias do neoclasicismo e esta a carón dun fermoso cruceiro.

Aquí todos os anos se celebra a romaría na honra do San Ramón.


Capela de San Ramón de Mesego

Situada no interior dunha pequena carballeira no lugar de Mesego, esta pequena capela tivo noutros tempos connotacións de santuario. Contan que neste lugar existíu outro templo, capela ou pequena igrexa, da que hoxe so quedan ruinas. Era a lendaria ermida de Santa Ana.


Capela de Santa Lucía de Magán

Esta edificación xa existía polo S.XVI e dende o ano 1836 tanto a capela como o lugar de Magán, na freguesía de Estacas, estiveron vinculados ao señorío do mosteiro bieito de San Martiño Pinario.

Cerca deste templo,na pedra do muro dunha casa, hai uns gravados que representan unha especie de páxaro(ou pomba), un trevo e unha combinación xeométrica semellante a unha “cuatríscele”. Estes símbolos foron empregados para decorar templos relixiosos dende o románico e incluso até o barroco.


Capela da Magdalena de Meira

E un dos templos mais antigos de Cuntis, data do ano 1607. Esta situada nunha carballeira centenaria, na que antigamente se celebraba unha das mais importantes feiras da contorna.


Capela do Santiaguiño da Ermida

E un centro espiritual xa existente no s XVI, aínda que puidese ter as súas orixes no medievo, xa que da nome ao lugar, a Ermida. Esta provista dun soportal na súa fachada, que terma nun tellado. Nas inmediacións aínda se conserva un manancial de auga milagreira.


Ermida de Santo Ildefonso

Situado na freguesía de Troáns esta ermida xa existía no S. XVI, aínda que a súa tipoloxía, a denominación do seu patrón, as ampliacións construtivas e outras probas fannos ver unhas orixes claramente medievais. Según Frei Martiño Sarmiento, antigamente a ermida levaba o nome de San Xoán “O Bautista”.


Santuario da Nosa Señora do Castro Loureiro

Esta ermida situada en Loureiro de Arriba, ten as súas orixes na primeira metade do S. XVI, cando era unha ermida de padroado laico, suxeito a familia dos Oubiña-Mariño. Posúe un soportal ou cuberto no que se alberga un altar exterior. Hoxe en día coñecese pola Capela do Loreto

A Casa Grande dos Castro: “O Hospitalillo”

E unha das arquitecturas señoriais máis importantes do núcleo urbano cuntiense. Está localizada ao carón da igrexa parroquial, nun dos lados que conforma a cuadrangular Praza dos Árbores, serve de Casa da Cultura municipal e leva o nome dun dos fillos ilustres de Cuntis, Roberto Blanco Torres.

Foi residencia do Conde de Ximonde, D.Pedro de María de Cisneros , cando ía ó Balneario de Cuntis, polos seus males reumáticos, e que despois cedeu como asilo dos pobres que viñan tomar os baños gratuitamente no balneario. De alí coñecido tamén como “hospitalillo”.

A edificación sufriu numerosos cambios estruturais, como así o demostran as cicatrices marcadas na pedra. No século XVII xa estaba en pé, no entanto será a finais do XVIII cando se acometan as obras que lle outorgarán maior fermosura aos seus muros e fachada principal. É un edificio barroco de planta rectangular, que conta cunha altiva cheminea, grandes  “ventás de aire”, un amplo balcón e dúas exuberantes pedras armeiras.


A Casa Reitoral de Cuntis

Este austero e opulento fogar do clero parroquial da Igrexa de Santa María sufriu profundas modificacións durante a súa historia. Xa existía no S. XVI, aínda que os cambios estruturais máis significativos foron entre a transición do barroco ao neoclasicismo,éste ultimo estilo e o mais predominante.

Antigamente tiña unha vetusta e enorme cheminea. Na actualidade e un robusto edificio de dúas plantas con fermosas escaleiras interiores. Nos xardíns que rodean a reitoral podemos ver un escudo heráldico de finais do S. XVII. Nel aparecen as armas das liñaxes dos Castro, Núñez e Da Fonte, ademais da espada e cruz floreteada que representan o Santo Oficio da Inquisición.

Desta mansión eclesiástica diría o cuntiense Roberto Blanco Torres: “(…) Recuerdo la antigua Rectoral con sus paredes gruesas de cuadros de piedra áspera, inconexa y abultada (…), morada señorial donde se reunen en sagrado concilio curas eminentes, capellanes cultos, sacerdotes de erudición y teólogos: allí donde la paz ambiente parece rimar un poema de silencio augusto, de severa quietud (…)”.


A Casa do Agrobó

E un edificio fidalgo que destaca pola súa situación, no Cume dun outeiro localizado ao carón da N-640 e tamén pola súa arquitectura: construción fundamentalmente barroca,portalón coroado por dúas ameas e unha cruz, gran balcón, recinto amurallado, importante cheinea…

Na actualidade non conserva labras heráldicas e hai bastantes anos que se modificou a estrutura primitiva para construír ao seu carón, outro edificio de aspecto máis contemporáneo. 

 

Casa Grande da rúa do Cruceiro

Na rúa Bernardo Sagasta, antano chamada do “Cruzeiro”, érguese unha casa de dimensións considerábeis que data do S.XVIII, aínda que a fachada principal sería do XIX. Posúe unha altiva cheminea con decoración propia das casas fidalgas, unha “peineta” e caniños ou aliviadoiros de pedra para as augas pluviais e un espazo que se destinou (ou polo menos así se pretendeu facer) para esculpir unha pedra armeira. ´

Importantes muros cercan a propiedade, cun ceador no valado que dá á rúa e na súa parte posterior, pola beira do río Gallo, ten unha muralla non tan alta rematada con dúas inmensas columnas de pedra que soportan bolas labradas en granito do país.


O Pazo Abacial de Troáns

Localizado ao carón do templo parroquial, conta con máis de 450 m² por planta e cunha fachada principal que destaca por enriba das demais. Unhas belidas escaleiras barrocas balaustradas do S.XVIII asígnanlle maior singularidade a todo o edificio, xunto coas dúas espectaculares chemineas, de diferente tipoloxía e tamaño, que alongan cara ao alto as xa importantes dimensións deste edificio.

Entre as construcións auxiliares destacan o pombal e o hórreo. Posúe, así mesmo, unha fermosa fonte e un estanque.

Esta nobre arquitectura poderíase enmarcar no solpor da arte barroca, no declive do S.XVIII, porén, ao igual que acontece coa de Estacas, quizais neste predio existiu un edificio anterior, basta só comprobar os rabuños que fican nos lenzos de pedra.

Nas súas inmediacións,  no lugar do Campo, atopamos un fermoso conxunto etnográfico, onde unha fonte de pedra e uns lavadoiros crean unha pequena paisaxe, na que resalta un cruceiro barroco de manifesta beleza e de tamaño considerable.


A Quinta do Areal

Na freguesía de Troáns, nas proximidades da Hervés, non moi lonxe do río Umia e localizado no lugar do Areal, ergueuse unha casa grande ou pousa cun bo número de propiedades rústicas e fermosos xardíns. Ligada a esta construción estivo sempre a ponte do Areal, hoxe baixo as augas do encoro da Baxe, e ao redor da cal existen lendas que aínda fan mais mística esa xeografía.

Sabemos da existencia da casa no S.XVIII, mais un dos maiores esplendores teríao no XIX, cando nela residiu eventualmente D. Antón María de Valenzuela, destacado home de ciencia na Galiza decimonónica e pai de D. Ramón de Valenzuela Carbajales, responsábel de traer cara ao lugar da Anllada a capela do S.Ramón.

Na actualidade consérvanse tan só ruínas, dous impoñentes portalóns e o recordo de símbolos heráldicos que campaban nas fachadas, algún deles termado por unha fabulosa serea de pedra.


O Pazo Abacial de Estacas

A reitoral de San Fins de Estacas presenta un tamaño desmesurado, que nola fai cualificar como de pazo abacial.

O edificio principal, con planta en C, conta con dúas alturas e cun estilizado tellado con unha monumental cheminea, feita entre finais do renacemento e principios do barroco. Gravada na lareira do andar nobre, unha inscrición asegura que se construíu en 1613, data que posiblemente faga alusión só a lareira e cheminea, posto que con anterioridade a casa reitoral xa existía, como así demostra a súa estrutura, o espesor dos seus muros, os libros de fábrica e a micro toponimia do contorno próximo. No seu interior atopamos unha escaleira barroca (1766) e dúas lareiras de dimensións proporcionais ás da casa. Pero tamén existen recintos ocultos e algún pasadizo secreto que comunica o andar inferior,  cun lúgubre espazo ao que os veciños adoitan chamar o “Inferniño” e que identifican cos antigos cárceres desta mansión.

A facenda que está toda ela amurallada, alberga un hórreo de 7 claros, aínda que antano foi maior, unha eira de mallar, un pombal de planta rectangular levantado nun dos vértices do cerrume e unha espadana coa súa campá. A muralla conserva aínda varias ameas que decoran algún dos seus tramos e que lle asignan ao conxunto características de edifico nobre.

Pódese considerar que no S. XVI o pazo abacial xa existía. As súas orixes talvez se sitúan na idade media, servindo de morada para importantes cabaleiros, fidalgos e señores feudais.


A Casa Grande da Eira

Este fogar fidalgo, amurallado e ao que se entra por un portalón ameado, localízase na freguesía de Cequeril, nunha xeografía de montaña. Conta cun xardín de árbores centenarias, un par de hórreos e amplas cortes para os cabalos.

Poderíase datar entre finais do S.XVII e comezos do XVIII, e posúe unhas fermosas escaleiras exteriores que rematan nun patín, un antigo reloxo de sol, e un par de labras heráldicas. A que preside a fachada principal caracterízase polo seu arcaísmo e por ser totalmente atípica, e nela representáronse, entre outras, as armerías dos Barros- Alemparte. Na outra aparecen esculpidos os mobles característicos dos Murga (Liñaxe procedente de Euskadi).

Nesta casa, Ramón Sobrino Buhigas, escribiu un libro fundamental da arqueoloxía galega, o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (Seminario de Estudos Galegos 1935).

Esta web utiliza cookies para obter datos estatísticos da navegación dos seus usuarios. Preme o botón "Aceptar" para autorizar o seu uso.

Aceptar | Rexeitar | Mais información