Espazos naturais

Cuntis conta con diversos espazos naturais e zonas de lecer de grande atractivo paisaxístico.

Espazos naturais

Espazos naturais

MIRADOIROS

O castro de Castrolandín
A 1 Km do núcleo urbano e nunha contorna arqueolóxica e natural, Castrolandín ofrécenos unha vista panorámica de todo o val de Cuntis. Dende aquí albíscanse os promontorios montañosos do Xiabre, o Xesteiras e o Castro Sebil. Ademais este castro é un excepcional museo ao aire libre dun poboado fortificado da Idade do Ferro. Nos meses de verán pódense observar os traballos dos arqueólogos na restauración do xacemento e ofrécense visitas guiadas. A celebración do San Xoán do castro, seguindo unha tradición singular que foi recuperada, é outro evento destacable.


Monte Maráns

A 400 mts do centro urbano érguese o monumento ao Sagrado Corazón de Xesús, elaborado en pedra de granito polo escultor Francisco Asorey, debaixo do cal se construíu unha pequena ermida. Podemos chegar pola estrada que lle dá acceso ou a través dunha escaleira de pedra con máis dun cento de chanzos. Árbores caducifolias e perennes, autóctonas ou foráneas, fan deste miradoiro un lugar propicio para tomar unha merenda, parolar e contemplar unha fermosa panorámica do núcleo urbano e o val no que se asenta.


O Castro de Arcos

Dende o castro de Arcos, na parroquia homónima, nunha reviravolta de 360 graos podemos contemplar os vales de Cuntis e Vea, as terras de Tabeirós, no concello da Estrada, o Pico Sacro e o Castro Sebil, que nos saúda dende o sur, e por suposto o maior promontorio da comarca: o monte Xesteiras.


O Castro Sebil
Dende o Castro Sebil a vista alcanza as rías de Pontevedra e Arousa e a xeografía de Caldas de Reis (tamén enchoupada de augas quentes). Descúbrenos tamén os promontorios das Terras de Montes e Campo Lameiro, irmáns maiores dos cuntienses.


O Monte Xesteiras
Con 718 metros de altitude, este monte non ten polas bisbarras próximas ningún rival que lle ouse facer sombra. Con esa grandeza podemos albiscar o mar da Arousa, o val de Cuntis, o Pico Sacro, as terras de Compostela e as que baña o río Lérez cara a Pontevedra, nun periplo cultural que recorda o camiño que outrora pisou o ilustrado Frei Martisño Sarmiento.


As Tres Lagoiñas

Nas terras de Couselo, nunha chá do monte Xesteiras, atopamos a paraxe das Tres Lagoíñas dende a que podemos contemplar os vales de Cuntis e Vea e a desembocadura do río Ulla. Neste lugar celébrase no mes de xullo a tradicional rapa das bestas de Couselo.

RÍOS

O paseo do Río Gallo
No núcleo urbano de Cuntis hai varias zonas de paseo que discorren á beira do Gallo. Nelas podémonos atopar con árbores autóctonas -centenarios carballos, freixos e ameneiros- e foráneas: tulipífero de Virxinia, carballo americano, salgueiros choróns... Diversas pontes de madeira comunican as dúas bandas do río e preto dunha ducia de lavadoiros fluviais son testemuños vivos da nosa etnografía e practicamente pezas únicas en toda Galicia.

Fervenzas e pozas

O río da Patela é un afluente do río Gallo que ten o seu nacemento en Mesego e no seu transcurso forma diferentes fervenzas e pozas de gran beleza natural, entre elas atopamos a Poza das Campaiñas e a Fervenza do Hérvedo.

O río Gallo desemboca no río Umia na Poza do Pego, producindo un dos lugares máis profundos do río, provocado pola confluencia de ríos. Seguindo o cauce do río Umia, e servindo como fronteira natural co Concello de Moraña, atopamos a famosa Poza do Penedo, fogar de Maria Antonia de Xesús coñecida como a “Monxa do Penedo” (actualmente en proceso de beatificación)


CARBALLEIRAS

Carballeira de Vilameán

Próxima ao pazo abacial de San Fins de Estacas e ao templo parroquial, esta enorme carballeira centenaria -antano coñecida co nome da tomada do cura- discorre entre valos e camiños de pedra. A carón dela atópase o campo da festa, no que carballos, corticeiras e plataneiros bravos sombrean un cruceiro.

Se nos achegamos a este lugar non debemos deixar de visitar o víacrucis -que partindo do templo parroquial sobe cara ao monte- e a horta do pazo abacial que inclúe un pombal e un hórreo que destaca pola súa altura e os oito pés de pedra nos que se asenta.

A 500 metros atopamos a aldea do Casal cunha gran carballeira que ben merece unha visita.


Carballeira do Casal
Na parroquia de Estacas, unha ampla Carballeira onde poder pasear nun dos lugares máis fermosos do concello. Conta cunha fonte de rica auga e columpios para os máis cativos.

 

Carballeira de San Ildefonso
Na parroquia de Troans, á que se chega mediante a estrada que vai a Caldas, a uns 3 Km do casco urbán, de doado acceso xusto ó pé da estrada, a man esquerda. Conta con mesas, bancadas e parrillada en pedra para poder xantar alí.

Esta web utiliza cookies para obter datos estatísticos da navegación dos seus usuarios. Preme o botón "Aceptar" para autorizar o seu uso.

Aceptar | Rexeitar | Mais información