Prehistoria

Conta Cuntis con numerosos recintos fortificados en todas as súas freguesías.

Prehistoria

Prehistoria

DÓLMENES

Nesta época prehistórica un importante fenómeno esténdese por Europa: o megalitismo -ou cultura dos megálitos-, que en Galiza se ve testemuñado pola presenza de antas recubertas de terra (o que se coñece como mámoas) e pedrafitas.

As antas, antelas, anteliñas... son construcións de gran tamaño, de carácter mortuorio, que conforman -por medio de numerosas pedras ou laxes- unha cámara funeraria cuberta por unha gran laxe horizontal. Toda esta estrutura sería tapada por terra e pedras de pequeno tamaño o que lle ofrece un aspecto de peito, de aí a denominación de mámoa.

Entre as áreas tumulares existentes na xeografía de Cuntis está o Campo das Tombas, no alto da Cruz (freguesía de Arcos de Furcos) no que hai contabilizadas até 4 mámoas -aínda que García Alén e Filgueira Valverde falaron da presenza de 7-, as da Chan do Castro de Arcos, que son igualmente outras 4 de pequeno tamaño, as da área arqueolóxica da Eira dos Mouros (arredor da lagoa de Zo, na freguesía de Cuntis) ou a zona denominada do Petouto dos Mouros, na freguesía de Troáns, que contén até un mínimo de 6 mámoas.

Estes túmulos funerarios adoitaban servir de lindes entre parroquias ou xurisdicións, como acontece coa Mámoa das Piñeiras (no lugar de Vilameán), que separa as freguesías de Santo André de Cesar (Caldas de Reis) e Estacas (Cuntis). Nesta última parroquia tamén se localiza a Mámoa do Casal, nas inmediacións do mesmo lugar homónimo.

Dentro do megalitismo están igualmente as pedrafitas ou menhires, das que a Lapa de Gargantáns, no veciño concello de Moraña, é bo testemuño. En Cuntis, concretamente na parroquia de Estacas, existe un monólito de pedra fincado de xeito vertical con gravados na súa superficie e próximo a zonas tumulares, razóns que o fan considerar como unha posíbel pedrafita. Chamada O Marco Carreiro, serve de linde entre as freguesías de Estacas (Cuntis) e Santo André de Cesar (Caldas de Reis). Localízase ademais, nunha importante vía de comunicación -O Camiño Real- que durante o medievo enlazaba este territorio coas veciñas terras de Iria Flavia.

PETRÓGLIFOS

É moi amplo o legado arqueolóxico que nos ten deixado a cultura da Idade do Bronce nas terras de Cuntis, sendo os gravados rupestres os de maior relevancia. Non menos de 25 grupos inscultóricos se localizan nesta xeografía, clasificados en 5 areas máis ou menos definidas. Estes gravados, esparexidos por diferentes freguesías, conteñen motivos variados: pseudolabirintos, combinacións circulares, cazoletas, zoomorfos...

 

 ÁREA DA RAN

Petróglifos como os do Outeiro do Forno da Tella I outórganlle a Cuntis un importante valor no tocante aos gravados rupestres. Nel, numerosas combinacións circulares atópanse en distintas rochas, porén un dos grupos máis espectaculares amosa unha "procesión" de cérvidos que foxen dun suposto inimigo. Noutra parte desta laxe, con todo naturalismo elaboraronse outros tres (quizais bramando) e animais dispersos en actitude de busca de alimento.

Algo máis ao nacente deste conxunto está o Outeiro do Forno da Tella II, no que atopamos un cervo e varios motivos circulares.

No Outeiro de Vales encontrámonos con multitude de combinacións circulares, algunhas adaptadas á propia fisionomía dos penedos. Pódese contemplar incluso un pseudolabirinto, relacionado con outros motivos semellantes ou de tipo xeométrico. Non moi lonxe está o Outeiro da Costa de Vales, no que tan só un par de agrupacións circulares dan testemuño do labor espiritual e artístico da cultura da Idade do Bronce.

No Monte do Moucho, próximo á estrada de Calvos a Teaño, hai un gran promontorio rochoso que ten na súa superficie unha gran combinación circular, a modo de elipse, con dúas cazoletas como centros, que lle asignan unha clara aparencia da face do animal que lle dá nome a este outeiro. Igualmente, círculos con cazoletas interiores, coviñas e outros motivos espállanse neste fermoso penedo.

Na elevación denominada das Moreiras atopáronse, cando menos, até tres estacións rupestres diferentes e no Outeiro das Campás aparecen varias combinacións circulares, numerosas pías naturais e abundantes cazoletas. O motivo central confórmano unha serie de círculos concéntricos tendentes á forma elíptica, sobre uns 6 aneis traspasados por varios radios, o que lle asigna un aspecto semellante ao dunha grande arañeira.


ÁREA DE CEQUERIL

Son varios os grupos inscultóricos atopados na freguesía de Cequeril: o outeiro dos Campiños, con círculos concéntricos e cruces inscritas no seu interior ou o Outeiro do Galiñeiro, enorme pedra cunha parede vertical na que foron gravados numerosos deseños de xeometría cuadrangular con cruces inscritas no seu interior e/ou superpostas ao lado superior. Non moi lonxe desta última estación rupestre, atopámonos coa Laxe dos Homes I, que achega antropomorfos de curiosa elaboración con cabezas circulares e unha cruz no seu interior. Debido, entre outras cuestións, ao seu arcaísmo, considérase que poidan ser reelaboracións modernas de simples petróglifos circulares da Idade do Bronce.

Algo semellante puidera acontecer coa Laxe dos Homes II, próxima á anterior e reproducida por Castelao no seu libro As Cruces de Pedra na Galiza.

 

 ÁREA DE LAXOS- CARDECIDE

Pola contorna de Laxos, Cardecide e O Pazo, dispérsanse varias das estacións rupestres do concello de Cuntis. Cazoletas e pequenas incisións na pedra aparecen no Outeiro do Pereiriño e combinacións de círculos concéntricos, con maior ou menor número de aneis, podemos contemplalas no Outeiro de Cardecide ou no do Castelo.

Alen disto, as floracións rochosas existentes en Cartas de Fóra traen representacións moito máis atractivas: atopamos  combinacións circulares, aínda que a inscultura que máis destaca é un pseudolabirinto.


ÁREA DO CASTRO DE ARCOS DE FURCOS

Próximo ao castro de Arcos de Furcos existe un outeiro con diversas cruces gravadas. Tamén se atoparon, nunha laxe do balado dunha finca próxima ao lugar de Arcos de Arriba, diversos círculos que conforman un pseudolabirinto. Substraída do devandito cercado, e anteriormente do seu lugar orixinario (quizais do Castro de Arcos), actualmente consérvase na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres (Cuntis).


ÁREA DE XINZO

No lugar do Sobresouto, na parte oriental de Xinzo, descubriuse algunha que outra floración pétrea con cazoletas gravadas, e tamén no Monte do Barro, no lugar  de Rebordelo.


CULTURA  CASTREXA

Conta Cuntis con numerosos recintos fortificados en todas as súas freguesías. O Castro Loureiro (chamado tamén da Aurela), o de Meira, o da Hervés, o de Sobrada... son os nomes dalgunhas destas antigas aldeas, aínda que sobre todas destaca Castrolandín, por mor do seu estudo en profundidade, posta en valor e escavación mercé do labor que desenvolve a Fundación Terra Termarum, o Concello de Cuntis, as comunidades de montes de Castrolandín e Campo e o Laboratorio de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

Esta fortificación, localizada moi próxima ao centro da vila, elévase a 245 metros de altitude, ten forma ovalada e uns parapetos de non menos de 7 metros de alto. Moreas de material cerámico, sementes, cinzas e outras pezas de valor arqueolóxico e histórico foron achados no interior deste recinto, mais tamén un petróglifo, bastante erosionado, con combinacións circulares.


CASTROS NO CONCELLO DE CUNTIS

Castro da Bragaña (Estacas)
Castro da Hervés (Troáns)
Castro de Arcos (Arcos de Furcos)
Castro de Laxos (Cuntis)
Castro de Meira (Cuntis)
Castro de Montesandeu (San Mamede)
Castro de Piñeiro (San Mamede)
Castro de Sobrada (Troáns)
Castro de Vilar de Mato (Cequeril)
Castro de Xinzo (Cuntis)
Castro Loureiro (Arcos de Furcos)
Castro Sebil (Cequeril)
Castrolandín (Cuntis)
Entrecastros (Cequeril)


Esta web utiliza cookies para obter datos estatísticos da navegación dos seus usuarios. Preme o botón "Aceptar" para autorizar o seu uso.

Aceptar | Rexeitar | Mais información