Turismo de Cuntis

O noso patrimonio

Consulta aquí o noso patrimonio cultural, etnográfico e eclesiástico, así como o noso centro histórico e a estrela de Cuntis: o termalismo.

Castrolandín

Mostrar máis

Termalismo

Mostrar máis

Casco histórico

Mostrar máis

Patrimonio etnográfico

HORREOS E POMBAIS

Dentro do noso territorio, e comezando cos pombais, son de destacar os da casa dos Carballo, no lugar de Arcos de Arriba (Arcos de Furcos), o do pazo abacial de Estacas, -localizado nunha esquina do curral do pazo, de planta rectangular, cuberta a catro augas e Cume coroado cunha cruz de Santiago-, e os de Garrido e da casa reitoral de Cuntis, ambos no centro da vila.

O maior hórreo do concello, confeccionado con granito e madeira, está localizado diante dunha enorme eira de mallar no pazo abacial de Estacas. Na actualidade conta con 7 claros e máis de 17 metros de longo, porén, outrora, seica posuíu o dobre da súa lonxitude. Podemos contemplar, así mesmo, numerosos hórreos espallados polas freguesías cuntienses, aínda que sobresaen, alén do xa citado, os de Cequeril (edificados de forma máis artística) e Arcos de Furcos (nesta última parroquia concretamente os de Arcos de Arriba).

A ampla difusión do hórreo nas terras de Cuntis fai que existan poucas graneiras, que se concentran fundamentalmente na zona de Magán (na freguesía de Estacas), debido quizais á influencia das terras limítrofes do Concello de Valga, onde hai numerosas construcións deste tipo.


CEMITERIOS

Cómpre atender ó xeito maxistral no que os nosos canteiros traballaron a pedra para elaborar de forma artística as sepulturas -románticas amais de modernistas- do camposanto de Cequeril. Así mesmo non desmerecen as de San Mamede de Piñeiro, algunhas de Santa Baia da Portela e as de Estacas. Neste último cemiterio, panteóns con varios nichos construídos a comezos do S. XX e finais do XIX ofrecen mortuorias de gran interese polo labor artesanal e gremial.

De todos os camposantos de Cuntis destaca pola singularidade do recinto o de San Breixo de Arcos de Furcos. Multitude de lápidas e panteóns son tipo modernistas e hainos incluso anteriores a esta época; porén, un cemiterio subterráneo a modo de cripta esperta a curiosidade dos visitantes. Aproveitando o desnivel do terreo, enfronte á fachada da igrexa parroquial, varios recintos subterráneos, deseñados a partir de corredores, agochan as cinzas de numerosas xeracións de antepasados. Os máis grandes ofrecen acubillo a panteóns de diversas familias, pero hainos tamén pertencentes a unha única casa, polo que non poden ser visitados durante todo o ano, só se abren en casos excepcionais, como no "Día de Defuntos". Estas "catacumbas", como popularmente as teñen denominado os veciños da freguesía, albergan nichos de comezos do S. XX, mais temos comprobado que hai sepulturas do século anterior, e incluso a tradición popular conta que existiron outras criptas anteriores a estas.

Mostrar máis

Patrimonio eclesiástico / patrimonio señorial

A Quinta do Areal

Na freguesía de Troáns, nas proximidades da Hervés, non moi lonxe do río Umia e localizado no lugar do Areal, ergueuse unha casa grande ou pousa cun bo número de propiedades rústicas e fermosos xardíns. Ligada a esta construción estivo sempre a ponte do Areal, hoxe baixo as augas do encoro da Baxe, e ao redor da cal existen lendas que aínda fan mais mística esa xeografía.

Sabemos da existencia da casa no S.XVIII, mais un dos maiores esplendores teríao no XIX, cando nela residiu eventualmente D. Antón María de Valenzuela, destacado home de ciencia na Galiza decimonónica e pai de D. Ramón de Valenzuela Carbajales, responsábel de traer cara ao lugar da Anllada a capela do S.Ramón.

Na actualidade consérvanse tan só ruínas, dous impoñentes portalóns e o recordo de símbolos heráldicos que campaban nas fachadas, algún deles termado por unha fabulosa serea de pedra.


O Pazo Abacial de Estacas

A reitoral de San Fins de Estacas presenta un tamaño desmesurado, que nola fai cualificar como de pazo abacial.

O edificio principal, con planta en C, conta con dúas alturas e cun estilizado tellado con unha monumental cheminea, feita entre finais do renacemento e principios do barroco. Gravada na lareira do andar nobre, unha inscrición asegura que se construíu en 1613, data que posiblemente faga alusión só a lareira e cheminea, posto que con anterioridade a casa reitoral xa existía, como así demostra a súa estrutura, o espesor dos seus muros, os libros de fábrica e a micro toponimia do contorno próximo. No seu interior atopamos unha escaleira barroca (1766) e dúas lareiras de dimensións proporcionais ás da casa. Pero tamén existen recintos ocultos e algún pasadizo secreto que comunica o andar inferior,  cun lúgubre espazo ao que os veciños adoitan chamar o “Inferniño” e que identifican cos antigos cárceres desta mansión.

A facenda que está toda ela amurallada, alberga un hórreo de 7 claros, aínda que antano foi maior, unha eira de mallar, un pombal de planta rectangular levantado nun dos vértices do cerrume e unha espadana coa súa campá. A muralla conserva aínda varias ameas que decoran algún dos seus tramos e que lle asignan ao conxunto características de edifico nobre.

Pódese considerar que no S. XVI o pazo abacial xa existía. As súas orixes talvez se sitúan na idade media, servindo de morada para importantes cabaleiros, fidalgos e señores feudais.


A Casa Grande da Eira

Este fogar fidalgo, amurallado e ao que se entra por un portalón ameado, localízase na freguesía de Cequeril, nunha xeografía de montaña. Conta cun xardín de árbores centenarias, un par de hórreos e amplas cortes para os cabalos.

Poderíase datar entre finais do S.XVII e comezos do XVIII, e posúe unhas fermosas escaleiras exteriores que rematan nun patín, un antigo reloxo de sol, e un par de labras heráldicas. A que preside a fachada principal caracterízase polo seu arcaísmo e por ser totalmente atípica, e nela representáronse, entre outras, as armerías dos Barros- Alemparte. Na outra aparecen esculpidos os mobles característicos dos Murga (Liñaxe procedente de Euskadi).

Nesta casa, Ramón Sobrino Buhigas, escribiu un libro fundamental da arqueoloxía galega, o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (Seminario de Estudos Galegos 1935).

Mostrar máis

Patrimonio natural

CARBALLEIRAS

Carballeira de Vilameán

Próxima ao pazo abacial de San Fins de Estacas e ao templo parroquial, esta enorme carballeira centenaria -antano coñecida co nome da tomada do cura- discorre entre valos e camiños de pedra. A carón dela atópase o campo da festa, no que carballos, corticeiras e plataneiros bravos sombrean un cruceiro.

Se nos achegamos a este lugar non debemos deixar de visitar o víacrucis -que partindo do templo parroquial sobe cara ao monte- e a horta do pazo abacial que inclúe un pombal e un hórreo que destaca pola súa altura e os oito pés de pedra nos que se asenta.

A 500 metros atopamos a aldea do Casal cunha gran carballeira que ben merece unha visita.


Carballeira do Casal
Na parroquia de Estacas, unha ampla Carballeira onde poder pasear nun dos lugares máis fermosos do concello. Conta cunha fonte de rica auga e columpios para os máis cativos.

 

Carballeira de San Ildefonso
Na parroquia de Troans, á que se chega mediante a estrada que vai a Caldas, a uns 3 Km do casco urbán, de doado acceso xusto ó pé da estrada, a man esquerda. Conta con mesas, bancadas e parrillada en pedra para poder xantar alí.

Mostrar máis

Documentos de interese


Descarga folletos e outros documentos de interese turísitico

Esta web utiliza cookies para obter datos estatísticos da navegación dos seus usuarios. Preme o botón "Aceptar" para autorizar o seu uso.

Aceptar | Rexeitar | Mais información